Marta Quintana pon música á inauguración da exposición do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia

Actuación Marta Quintana na Inauguración da Exposición do Pergamiño Vindel

Marta Quintana e a súa arpa, puxeron música á inauguración da exposición máis importante dos últimos tempos en Galicia, a do Pergamiño Vindel.

Grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo, o Pergamiño Vindel, que leva 40 anos depositado na Morgan Library & Museum de Nova York, sae por primeira vez da cidade dos rañaceos para chegar a Galicia, ao territorio que serviu de inspiración para os seus versos, onde se exhibe por vez primeira.

Diptico de la exposición Un Tesouro en Sete Cantigas
Un Tesouro en Sete Cantigas

Marta Quintana preparou para a ocasión, unha serie de pezas instrumentais que acompañaron a inauguración desta exposición. Finalmente pechou a súa actuación con temas do seu disco “Amable” que inclúe unha das cantigas de Martín Códax incluídas no pergamiño Vindel.

***

“Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas” é o título da exposición na que o manuscrito que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax, e a melodía de seis delas, exhíbese ao público por primeira vez na historia. A exposición divídese en sete partes, cada unha delas inspirada nunha das cantigas.

O Pergamiño Vindel é o eixo central, pero está acompañado por outras pezas medievais e contemporáneas de gran calidade que explican a sociedade, a estrutura de poder e a vida cotiá da época das cantigas; que nos falan da paisaxe, do mar, da música e das romarías en santuarios. Os santuarios locais da ría puideron servir de inspiración a Martín Códax. Máis de 50 pezas conforman esta exposición única, entre as que se inclúen pinturas, documentos, esculturas, obras en madeira, elementos arqueolóxicos e obras de carácter sacro e profano, entre outras.

A mostra, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e pola UVigo, e comisariada polo historiador Francisco Singul, permanecerá aberta do 10 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018 e poderá visitarse no horario habitual do museo

Noite máxica coa arpa celta de Marta Quintana na Aula de Cultura Ponte de Rosas.

A arpista Marta Quintana, presentou hoxe unha escolma exquisita do seu delicado repertorio na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Da súa arpa manaron pezas dende a máis pura tradición musical do país ata fermosísimas mixturas cos sons contemporáneos. Un concerto peculiar e íntimo pois Marta fixo a súa música en solitario, sen a habitual compaña do seu grupo de músicos. Durante o concerto interpretou varios temas do seu último traballo Amable, editado en decembro pasado.

Marta Quintana é unha moza que comezou amar a música a carón da súa avoa, cantando no coro da igrexa. Logo chegou a guitarra como compañeira á que interpretou de forma autodidacta. O remate dos estudos superiores na Universidade de Santiago de Compostela, deron paso hai oito anos ao aprendizaxe da arpa na Emao con Rodirgo Romaní, e do que segue a ser alumna.

O próximo concerto desta cantante, intérprete e compositora será na Sala de Concertos Liceum do Porriño o próximo venres as 23:30 horas, na que actuará acompañada polos músicos Suso Feixón, Marcos Campos, Marcos Padrón, Serxio Cobos e mais Tony Simoes.

 

https://valminor.info/canais/cultura/3015-noite-maxica-coa-arpa-celta-de-marta-quintana-na-aula-de-cultura-ponte-de-rosas