Marta Quintana en Planeta Furancho

Parece que estes días  nos volvemos arpa-adictos.

Desta volta trouxemos ó noso Planeta a Marta Quintana. Ela era a outra metade do dúo Sete Saias. Agora tráenos un disco con selo propio, “Amable” ,  un traballo no que se mesturan pezas propias con outras tradicionais. Non quería, ela non quería gravar un disco porque sabía todo o traballo que lle viña enriba. Pero apostou e aquí o temos.

A arpa de Marta ten un aquel moi especial. Leva gravada unha pequena fada de nácar na madeira. Unha fada que Marta quixo que se parecera a súa avoa.

Foron un feixe de artistas os que colaboraron neste “Amable” e mesmo hai unha guitarra flamenca de Cuchús Pimentel. Poidemos escoitar en directo o tema que da nome ó disco e enterarnos de que , aínda parece que leva toda a vida coa arpa ás costas, Marta comezou a tocar hai tan só oito anos baixo a batuta de Rodrigo Romaní.

Traballadora nata e nostálxica dalqueles tempos nos que había ganas de facer cousas, de soñar…, e nos que a música sentíase doutro xeito.

agardamos vela pronto en directo coa súa banda.

Preme aquí para escoitar a entrevista.

Nuria P.

MARTA QUINTANA

Noite máxica coa arpa celta de Marta Quintana na Aula de Cultura Ponte de Rosas.

A arpista Marta Quintana, presentou hoxe unha escolma exquisita do seu delicado repertorio na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Da súa arpa manaron pezas dende a máis pura tradición musical do país ata fermosísimas mixturas cos sons contemporáneos. Un concerto peculiar e íntimo pois Marta fixo a súa música en solitario, sen a habitual compaña do seu grupo de músicos. Durante o concerto interpretou varios temas do seu último traballo Amable, editado en decembro pasado.

Marta Quintana é unha moza que comezou amar a música a carón da súa avoa, cantando no coro da igrexa. Logo chegou a guitarra como compañeira á que interpretou de forma autodidacta. O remate dos estudos superiores na Universidade de Santiago de Compostela, deron paso hai oito anos ao aprendizaxe da arpa na Emao con Rodirgo Romaní, e do que segue a ser alumna.

O próximo concerto desta cantante, intérprete e compositora será na Sala de Concertos Liceum do Porriño o próximo venres as 23:30 horas, na que actuará acompañada polos músicos Suso Feixón, Marcos Campos, Marcos Padrón, Serxio Cobos e mais Tony Simoes.

 

https://valminor.info/canais/cultura/3015-noite-maxica-coa-arpa-celta-de-marta-quintana-na-aula-de-cultura-ponte-de-rosas