Resultado da miña experiencia na ONCE: Tocamos

Este artigo pretende explicar brevemente o froito dunha experiencia enriquecedora e o seu obxectivo. Tocamos é un material didáctico adaptado, desenvolvido a través dun xogo: o dominó, convertido nunha ferramenta de aprendizaxe e nun instrumento musical. Pretende axudar o neno xogando, conseguir que entenda conceptos tan complexos coma os elementos da solfa en vista: nota musical, son, colocación das notas no pentagrama, significado de pentagrama, liña adicional, clave de sol etc. Trabállase co braille e a signografía musical, para que o neno cego acade a maior autonomía.

Marta González Quintana
Mestra de Música no CEIP Balaídos (Vigo-Pontevedra)

Introdución

Desde o ano 2010 colaborei coa ONCE como mestra en braille con alumnos afiliados a ela na área de Vigo. Para chegar a traballar con eles formeime como especialista en braille durante todo o tempo que permanecín na praza sometida a convenio (setembro 2014).

Estes nenos reciben unha atención complementaria en función das súas necesidades específicas relacionadas coa discapacidade visual (ensinanza do sistema braille, novas tecnoloxías, autonomía persoal, orientación e mobilidade, competencia social etc.), traballando cos mestres implicados e familias, como intermediario, xestor e docenteEn moitos casos, o groso da nosa función nos centros onde hai nenos integrados é facilitar a tarefa do mestre habitual e manter o contacto coa institución para ter un seguimento de todas as necesidades que poida ter o noso alumnado no ámbito de materiais adaptados e prestacións, así como resolver todas aquelas dúbidas e conflitos que o propio braille poida ocasionarlles. O meu traballo respondeu ao modelo de intervención educativa que se leva a cabo co alumnado con cegueira e deficiencia visual grave, que posibilita a inclusión académica e social deste; baséase na inclusión educativa, precepto que se recolle na actual lexislación educativa. Neste momento máis do 98 % do alumnado con discapacidade visual escolarízase en colexios ordinarios na súa vila, barrio ou cidade de residencia, seguindo o currículo escolar oficial.

Durante estes anos parte da miña formación foi dirixida intensamente á música e ao seu código braille, coa transcrición de partituras. Foi así grazas á miña especialidade como mestra de Música na Administración.

Todo o tempo que pasei traballando na formación como especialista na transcrición de partituras e na ensinanza da música, pensaba que había un inmenso abismo entre o alumno cego de música e o mestre de música vidente e que o noso labor era achegar os uns aos outros. Hai unha gran dificultade no diálogo entre o mestre de música (do conservatorio ou da escola) e o alumno cego, xa que manexan dous códigos diferentes para unha mesma linguaxe.

O profesorado de conservatorio, polo xeral, descoñece a signografia musical braille e o alumno invidente, ou con déficit visual, non manexa a grafía da solfa. Nesta relación, ata o momento, sempre é necesario un intermediario (o mestre de Música especialista en braille). Con este traballo non pretendo prescindir del, pero si darlle maior autonomía ao alumno con deficiencia visual para que ese diálogo sexa mais fluído.

Este traballo que presento non é un método, aínda que forma parte dun proxecto, é só un material adaptado. Este material, Tocamos, está incluído no meu traballo Rúa da Música número 7, aínda non publicado, pero froito dunha experiencia de oito anos con nenos de 3 a 12 anos, inicialmente pensada para videntes. Observados os bos resultados, e valorando a súa posible utilidade para o alumnado discapacitado visual, decidín a súa adaptación.

En Rúa da Música número 7, as personaxes da historia son as notas musicais; cada unha leva asociada unha cor (a mesma que se utiliza na adaptación, asociada ás distintas texturas). No conto desenvólvense xogos, cancións e actividades para integrar xogando coñecementos e conceptos de música. Con el acadouse que alumnos de 3 anos en tres meses de formación, cunha hora semanal de clase, puidesen ler partituras e interpretalas ao piano con total autonomía.

Pretende traballar, entre outros contidos, as notas (grafía), o pentagrama, os sons da escala de DoM e as súas relacións. A adaptación consistiu en facer del un material didáctico adaptado para nenos cegos, co que poidan traballar os mesmos contidos, e a relación entre grafía musical braille e a solfa.

Obxectivos

Concretamente, os obxectivos didácticos que se pretenden acadar son:

  • Coñecer a relación entre a grafía musical braille e a solfa, diferenzas e similitudes nos aspectos máis básicos.
  • Traballar o tacto (percepción háptica).
  • Coñecer o pentagrama e a súa función na música.
  • Coñecer a clave de sol e a súa función organizadora.
  • Coñecer as notas e os seus nomes.
  • Coñecer a escala de DoM.
  • Ampliar o repertorio de cancións.
  • Valorar o seu propio corpo.
  • Identificar na man o pentagrama coas 5 liñas e 4 espazos.
  • Distinguir no aspecto auditivo as notas e a súa representación gráfica en vista e en braille.
  • Entoar sons (ou toda a escala en función do traballo e tempo) de distinta altura.
  • Crear contextos motivadores que propicien actitudes colaboradoras, activas, que potencien o desenvolvemento persoal do alumnado.

Contidos

E coa intención de acadar estes obxectivos van traballarse os seguintes contidos

  • Xogo Tocamos
  • As notas
  • Pentagrama
  • A clave de sol
  • Movementos sonoros
  • Nome e número das 7 notas
  • Recoñecemento do novo vocabulario musical
  • Identificación auditiva, háptica e gráfica das notas en vista e en braille
  • Recoñecemento na súa man do pentagrama
  • Atención e interese por comprender o significado das grafías musicais
  • Importancia de formar parte dunha comunidade, da colaboración e traballo en equipo
  • Desinhibición e espontaneidade
  • Interese polo xogo e aceptación de normas
  • Valoración da voz e do xogo como elementos de aprendizaxe
  • Actitude lúdica e colaboradora

Metodoloxía

A metodoloxía contesta á pregunta de como ensinar. A elección dun método ou doutro debe estar relacionada con multitude de aspectos: obxectivos, contidos, características do alumnado, actividades… de xeito que todos estes elementos sexan coherentes entre si.

A metodoloxía que utiliza é de carácter activo-participativo, co fin de acadar a interacción a través dunha actividade físico-mental e desde unha pedagoxía lúdico-educativa para acadar novos conceptos e contidos a partir do xogo, ademais dunha metodoloxía inclusiva, integradora e multisensorial, que non parte dos déficits e/ou carencias do alumnado senón dos seus puntos fortes.

No 1825 Luis Braille ideou un sistema de puntos en relevo: o sistema braille para as persoas cegas. Procuraba unha ferramenta válida e eficaz para ler, escribir, acceder á educación, á cultura e á información. Tratase dun sistema que parte de seis puntos que se colocan e numeran en dúas filas, e a súa amplitude non debe ser superior á do espazo que ocupa a xema do dedo, da seguinte forma:

A súa combinación permite obter 64 combinacións diferentes, incluíndo a que no ten ningún punto, que se utiliza como espazo en branco para separar palabras, números etc. A presenza ou ausencia de puntos determina a letra, neste caso a nota. A escritura da música en braille é sempre lineal, indo á contra da música en solfa que é simultánea, vertical e horizontal; non debemos esquecer que hai unha signografía musical específica no braille.

Á hora de atender un neno con baixa visión, teremos en conta que:

– Existe moita variedade nos nenos que atendemos en relación co resto visual que posúan, tanto polas súas diferentes patoloxías, como pola funcionalidade que cada neno consegue; incluso, ás veces, dentro dunha mesma patoloxíaxa que vai depender da carga xenética, da estimulación recibida, do contorno familiar e social etc.

– Temos que familiarizarnos coas etapas do desenvolvemento visual normal, xa que a aprendizaxe cun sistema visual alterado ocorre lentamente, pero segue a mesma secuencia ca cunha visión normal tanto óptica como perceptivamente (Barraga, 1997). Coa deficiencia visual hai unha serie de limitacións para interpretar a realidade exterior, pero non por iso hai que deixar de seguir o marco do desenvolvemento xeral destes primeiros anos (García-Trevijano, 2008).

– Os aspectos emocionais son vitais, xa que só un desenvolvemento emocional bo favorece o desenvolvemento xeral e integrador (Lucerga y Sanz, 2004).

– É moi importante contar coa familia para previr que as dificultades que impón unha discapacidade visual poidan ser causa de limitacións. Tamén é fundamental o contacto e a coordinación cos profesionais dos servizos aos que asisten os nenos nestas idades.

Descrición do material

Tocamos é un dominó adaptado, un material experimental. As 49 pezas son de madeira, de 5 centímetros de ancho por 10 de alto, tamaño considerado para poder conter a información necesaria para levar a cabo o xogo e o traballo dos conceptos, ás que se lles engadiron láminas sonoras similares as dunha arpa de boca ou metalófono. Engloba sete escalas partindo das sete notas da escala de DoM, así como a adaptación ao braille das notas no fuser e da grafía en vista das nocións que pretendemos traballar.

Os xogadores, ademais de ver e tocar a nota no pentagrama, poderán tocar a adaptación en fuser e escoitar o son representado nas láminas afinadas en 440Hz. Por todo iso Tocamos son 49 instrumentos ou todo un instrumento harmónico.

Premio nacional materiales adaptados
Premio nacional materiales adaptados

 

Ás pezas engadíuselles unha lámina en relevo empregando papel fuser, papel especial, chamado microcápsula, no que se deseña o que temos que resaltar en relevo. Despois de impreso a través dunha máquina láser (de baixa temperatura), ou fotocopiado, faise pasar por unha fonte de calor (forno fuser), que fai que as partes pintadas no papel microcápsula dilaten e apareza o relevo.

A adaptación, ademais, consistiu na colocación na parte esquerda da ficha dun pentagrama coa clave de sol, a nota e o seu nome en braille cunha textura e unha cor; doutro lado da peza o nome doutra nota en vista e o mesmo en braille así como a grafía na signografía musical braille e a súa textura e cor. As zonas con distintas texturas, moi diferenciadas, van nas mesmas cores ca no conto Rúa da Música número 7 .

A correspondencia entre notas, texturas e cores é a seguinte:

A nota dó coa cor negra e a textura de feltro, a nota re coa cor vermella e a textura de goma eva, a nota mi coa cor azul e a textura de escuma (foam), a nota facoa cor laranxa e a textura de cartón rugoso, a nota sol coa cor amarela e a textura de lixa, a nota la coa cor morada e a textura de feltro rugoso, a nota si coa cor verde e a textura de herba artificial.

NOTA

COR

TEXTURA

Negra Feltro
RE Vermella Goma EVA
MI Azul Foam
FA Laranxa Cartón rugoso
SOL Amarela Lixa
LA Morada Feltro rugoso
SI Verde Céspede artificial
 

Ao representar as grafías en vista vailles permitir entender as relacións entre códigos e poder establecer o diálogo, a posteriori, cos seus profesores de música non especialistas en braille, permitíndolles ser mais autónomos.

Preténdese que coñezan as sete notas polo nome e son, escritura en braille, representación no pentagrama e, no caso dos nenos pequenos que non saben ler,pola súa cor e/ou textura.

Ademais de xogar coma un dominó, como xa observei, pódense realizar xogos individuais e en grupo (dispón de sete escalas completas) de interpretación da escala, improvisacións, interpretación de cancións cun acompañamento simple, que pode ser de tónica-dominante ou tónica-subdominante-dominante, utilizando escalas pentatónicas etc. Ofrece todas aquelas posibles combinacións que ao mestre de Música lle poidan xurdir na práctica musical.

Está pensado para empezar a traballar cos rapaces máis pequenos, de educación infantil, pero tamén se pode xogar con nenos de primeiro ata cuarto de primaria; todo dependerá do dominio dos alumnos na materia de música e de como teñan desenvolvido o tacto.

AvaliaciónA avaliación responde á necesidade de saber se o que se deseñou é válido e útil tendo en conta a súa finalidade. Desde esta perspectiva, a análise do material é positiva, xa que:

– Contribúe á innovación educativa na busca da mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe.

– Ten un amplo carácter innovador.

– É orixinal porque se basea nun conto inédito e pola propia adaptación en si mesma.

– Contribúe a suplir a falta de materiais didácticos para que as persoas con discapacidade visual traballen a música.

– É quen de desenvolver os obxectivos programados e facilita que os alumnos acaden os conceptos previstos, pon de manifesto a súa utilidade para a materia curricular, dálles coherencia aos obxectivos propostos, á metodoloxía e ás actividades, e aos contidos para desenvolver.

– Ten interese educativo xa que busca a mellora dos rendementos escolares, a súa autonomía no propio proceso.

– É fiel ao carácter integrador xa que facilita a inclusión do alumnado con discapacidade visual nas aulas de música.

– Está adecuado ás capacidades psicolóxicas dos alumnos aos que vai dirixido.

Este material didáctico foi elaborado respectando as características de aprendizaxe da musicografía braille e tendo en conta a percepción háptica, pola que os cegos identifican as calidades dun obxecto tridimensional e recoñecen a forma espacial. As fichas deste material foron deseñadas con base no concepto dos gráficos tanxibles, en relevo, e especificamente acordes coa súa destreza manipuladora e o seu funcionamento visual.

Á hora de levar a cabo a elaboración deste material didáctico atopei as seguintes dificultades:

– Dificultade de atopar bibliografía sobre o tema.

– Poucas investigacións sobre materiais adaptados para a música dirixidos a persoas con discapacidade visual e poucos materiais didácticos definitivos.

– Atopar un espazo e tempo para realizar unha práctica cun número significativo de nenos, debido ao propio sistema da inclusión educativa.

A pesar destas dificultades, o material Tocamos presentouse a ONCE Madrid en setembro, no XXVIII Concurso de Experiencias Escolares e VII Materiais Didácticos da ONCE (2014) e foi merecedor do primeiro premio na categoría de materiais didácticos adaptados. Está programada unha experiencia educativa no CRE (Centro de Recursos Educativos) de Pontevedra cos alumnos do curso presencial do próximo verán.

Conclusións

Tocamos:

  • Partiu da idea dunha didáctica multisensorial, que utiliza o tacto, o oído, o gusto e o olfacto, e o resto visual aproveitable dos alumnos deficientes visuais na aprendizaxe.
  • Tenta imitar o funcionamento dunha analoxía, extraordinaria axuda para a aprendizaxe das ciencias e conceptos abstractos. Desde o construtivismo considérase que os significados se constrúen dunha forma activa, relacionando o novo coas ideas que se posúen, por un proceso xeralmente analóxico.
  •  É moi útil para a aprendizaxe porque permite partir dos coñecementos previos, axuda a coñecer as ideas alternativas do alumnado, facilita a transferencia de coñecementos, favorece a metacognición e o cambio conceptual, facilita a visualización de conceptos abstractos, favorece a construción e uso de modelos, reforza os recursos expresivos de comunicación e pode adaptarse á diversidade do alumnado.
  • O material didáctico partiu dun exhaustivo proceso de reflexión sobre os elementos do proceso de ensino-aprendizaxe da linguaxe musical e da escritura musical en braille, a través da comparación entre os sistemas de escritura braille e tinta.
  • Pretendeu abordar a aprendizaxe da signografía braille e súa relación en vista coa linguaxe musical traballando:

– O recoñecemento, clasificación e ordenación, tendo en conta tamaños, formas, texturas, son etc.
– A coordinación manual.
– As destrezas psicomotoras díxito-manuais.
– O adestramento táctil, desenvolvendo a capacidade de discriminación ampla, media e fina.
– A orientación espacial.

  • Ao ser un xogo e un instrumento musical resulta motivador en si mesmo.

En definitiva, pretende servir como punto de reflexión, na medida do posible, sobre o ensino da música para persoas con discapacidade visual, e ofrecer un novo recurso para os mestres de Música; aínda que considero que Tocamos valería para traballar con nenos, videntes ou non, ou con outro tipo de dificultades ou deficiencias.

Bibliografía:

 

***

Artículo publicado na Revista Galega de Ensino da Xunta de Galicia

Deja un comentario