A arpista Marta Quintana, presentou hoxe unha escolma exquisita do seu delicado repertorio na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Da súa arpa manaron pezas dende a máis pura tradición musical do país ata fermosísimas mixturas cos sons contemporáneos. Un concerto peculiar e íntimo pois Marta fixo a súa música en solitario, sen a habitual compaña do seu grupo de músicos. Durante o concerto interpretou varios temas do seu último traballo Amable, editado en decembro pasado.
Marta Quintana é unha moza que comezou amar a música a carón da súa avoa, cantando no coro da igrexa. Logo chegou a guitarra como compañeira á que interpretou de forma autodidacta. O remate dos estudos superiores na Universidade de Santiago de Compostela, deron paso hai oito anos ao aprendizaxe da arpa na Emao con Rodirgo Romaní, e do que segue a ser alumna.
O próximo concerto desta cantante, intérprete e compositora será na Sala de Concertos Liceum do Porriño o próximo venres as 23:30 horas, na que actuará acompañada polos músicos Suso Feixón, Marcos Campos, Marcos Padrón, Serxio Cobos e mais Tony Simoes.
https://valminor.info/canais/cultura/3015-noite-maxica-coa-arpa-celta-de-marta-quintana-na-aula-de-cultura-ponte-de-rosas