Marta Quintana e a súa arpa, puxeron música á inauguración da exposición máis importante dos últimos tempos en Galicia, a do Pergamiño Vindel.
Grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo, o Pergamiño Vindel, que leva 40 anos depositado na Morgan Library & Museum de Nova York, sae por primeira vez da cidade dos rañaceos para chegar a Galicia, ao territorio que serviu de inspiración para os seus versos, onde se exhibe por vez primeira.
Marta Quintana preparou para a ocasión, unha serie de pezas instrumentais que acompañaron a inauguración desta exposición. Finalmente pechou a súa actuación con temas do seu disco «Amable» que inclúe unha das cantigas de Martín Códax incluídas no pergamiño Vindel.
***
“Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas” é o título da exposición na que o manuscrito que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax, e a melodía de seis delas, exhíbese ao público por primeira vez na historia. A exposición divídese en sete partes, cada unha delas inspirada nunha das cantigas.
O Pergamiño Vindel é o eixo central, pero está acompañado por outras pezas medievais e contemporáneas de gran calidade que explican a sociedade, a estrutura de poder e a vida cotiá da época das cantigas; que nos falan da paisaxe, do mar, da música e das romarías en santuarios. Os santuarios locais da ría puideron servir de inspiración a Martín Códax. Máis de 50 pezas conforman esta exposición única, entre as que se inclúen pinturas, documentos, esculturas, obras en madeira, elementos arqueolóxicos e obras de carácter sacro e profano, entre outras.
A mostra, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e pola UVigo, e comisariada polo historiador Francisco Singul, permanecerá aberta do 10 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018 e poderá visitarse no horario habitual do museo